12 janeiro 2007

 

Editorial 6ª semana: lugares comúns

foto: Ortega, noutros tempos, con Fidel (1985).


Vou a pasar por alto as actuais situacións vividas nesta nación de nacións, nacionalidades históricas e sentimentos nacionais á que chamamos España, a conta das manifestacións surxidas en resposta ó último atentado da ETA. Porque o esperpento e o surrealismo veñen acadando cotas que dificultan calquera análise feita con sensatez e templanza. Pero non podo resistirme a facer a miña proposta de lema imparcial, impartidista, claro, contundente, sen ambiguedades, para algunha das manifas do sábado: “Para que os políticos, politicachos, aspirantes a políticos, dirixentes sociais politizados, e todos os que nos chupan a moral común coa súa querencia a mexar nas farolas para marcar territorio, se vaian a xogar ó padel á conchinchina e nos deixen en paz”. E o que queira que se sume, diante ou detrás da pancarta.
Con todo e por desgracia, o surrealismo non é unha exclusividade ibérica, aínda que aquí fagamos del un uso maxistral. E estou pensando agora na toma de posesión de Ortega en Managua. Supoño que en política, a traxectoria deste homiño podería equivaler a un triple mortal con tirabuzón. De estar á cabeza dunha das máis prometedoras e ilusionantes revolucións latinoamericanas, convirteuse (por obra e gracia das circunstancias e do seu devir persoal) nun político camaleónico capaz de ir collendo a cor coa que máis votos lle pareceu que podía repañar. Sen faltar á cita anual na praza da revolución cada 19 de xullo, foise arrimando á dereita e ó catolicismo máis perniciosos, estreitando as mans dos seus antiguos contrincantes. E cun novo xiro político, reaparece no goberno como o antiguo sandinista revolucionario da man dos novos socialistas latinoamericanos, mentres por detrás trata de manter unha imaxe moderada diante dos EEUU, ós que, despois de combatir durante anos, agora rinde pleitesía. Superficialmente, deixa a sensación de que a súa traxectoria política dos últimos 16 anos foi unha manobra de distracción para levar á revolución de novo ó poder en Nicaragua. Querido Ortega, ti que tanto ensalzas a revolución cubana, lembra as palabras do Che: “la verdadera revolución se hace de frente, a vida o muerte”.
Por desgracia está a historia madura en dirixentes con personalidade múltiple, e xa sabemos en que acaba todo isto. Políticas como a de Ortega son unha sorte de novo despotismo ilustrado: “todo para o pobo, pero sen o pobo”.
O peor é que as florituras dos nosos políticos quedan, na maior parte das veces, en cuestións dialécticas e variacións infinitesimais das esixentes condicións do estado do benestar, mentres que a política nica xoga co pan de cada día de moitos miles de persoas, nun dos paises máis empobrecidos da América.

Comments: Postar um comentário



<< Home

This page is powered by Blogger. Isn't yours?