06 março 2007

 

Editorial 11ª semana: “América Latina tiene un amigo”


¿Lembran aquel anuncio que viña ser algo así como: “quen ten un filipino ten un amigo”? Obviamente referíase a esa especie de donuts pequenos e duros, non a un orixinario das illas Filipinas. O caso é que este anuncio exemplifica á perfección o vello dito do “por el interés te quiero, Andrés”.
Pois ben, en América Latina sacaron de novo o seu filipino. E o amigo ianki apréstase a repartir apertas.
Pero, ¿cal é o filipino da latinoamérica? ¿Petróleo? ¿Cobre? ¿Ouro? ¿Plata? Todo iso explótano básicamente as transnacionais extranxeiras, principalmente norteamericanas. Non fai falla repartir apertas para expolialo.
Non, neste caso o amiguismo ianki é unha reacción frente ó avance das politicas nacionalistas e das posturas bolivarianas promovidas polo eixo Bolivia – Venezuela - Cuba, que xermolaron á súa vez como reacción ao ALCA, e que poden complicar o aceso dos EEUU á explotación dos recursos naturais da rexión.
Así que Mr. President vai poñer cara de boa persoa e, coa billetera debaixo do brazo, percorrerá varios paises cal rei mago, tirando caramelos e axitando a man. Apréstense a escribir as súas cartas, porque todos os seus desexos se verán cumpridos.
Esta xira lémbrame a outra que tivera lugar hai case cincuenta anos, cando a daquela xoven revolución cubana exudaba grupos guerrilleiros que ameazaban con poñer en xaque a hexemonía imperialista ianqui na América Latina. Foi o mesmo: apertas e caramelos, billetera debaixo do brazo e os dirixentes nacionais facendo cola na beneficiencia dos amigos do norte.
“Misericordia quero, e non sacrificios”, dicía xa o antigo testamento. Este tipo de políticas apaciguadoras son moi propias, non só dos EEUU, senón dos paises máis ricos, que as practicamos con fervor na escala na que nos permite a nosa posición de poder. É o que poderíamos chamar “caciquismo internacional”. Ou imperialismo económico. Vendemos os dereitos como favores, e logo cobrámolos como deuda externa, como inxerencia política e/ou como expolio de recursos.
Non deixa de ser significativo que os que percuran facer política social na Latinoamérica, teñan un inimigo no presidente Bush, cuxas políticas de cooperación internacional, cociñadas por intereses políticos e condimentadas con rancias ideas moralistas, están a botar por terra liñas de traballo de moitos anos e moitas ONGDs.
Agardemos que os dirixentes latinoamericanos saiban botar a vista atrás e non se deixen embaucar pola aguia calva; como ben dixeron os Les Luthiers “se o teu mellor amigo che crava un coitelo nas costas, desconfía da súa amizade”. E na América Latina sangran con profusión as feridas das puñaladas iankis.

This page is powered by Blogger. Isn't yours?