26 abril 2007

 

Editorial 12ª semana: pasado, presente, futuro...


Parece ser que Thomas Mann opinaba que existen dous tipos de provincianismo: un espacial, o daquelas persoas que creen que o seu entorno inmediato é o máis importante do mundo e só del se preocupan (este tipo ilústrao Machado cos seus versos referidos a Castela "...envuelta en tus andrajos / desprecias cuanto ignoras".).
Logo existe outro provincianismo de tipo temporal. O daqueles que, descoñecedores do gran muíño do tempo que pasa e que nos moe - que diría Celso Emilio - creen que non existe nada máis aló do presente e desprezan, por elo a historia, as posibilidades do futuro e todo aquelo intemporal, imperecedero ou que simplemente escapa á escala do tempo e ás dimensións da humana xente.
Un exemplo desto vese nas poucas covas calcáreas que temos en Galiza, onde provincianos temporais - problabemente tamén espaciais - mutilan as formacións calcáreas que durante centos de anos torneou a natureza en silandeira laboura, cercenándoas para adornar bares e mesas de salón, nun espectáculo macabro que lembra os acúmulos de membros de cera nos santuarios galegos.
Outro exemplo destes provincianos do tempo, neste caso, ademáis, cos miolos asulagados por mares de dólares, témolo nesa teima de proxecto absurdo, ese atentado contra o sentido común e a dignidade do planeta, que se chama Pascua Lama. En Chile-Arxentina. Nas andinas alturas. Alí, unha compañía mineira norteamericana, a Barrick Gold Co., seica atopou metales prezados baixo dous glaciares. Estas compañías, cheiran o ouro como verdadeiros carroñeiros. E non lles importan as consecuencias sociais ou ambientais das súas accións. Só importa o ouro. Ou o cobre. Ou a plata. Non se equivoquen: ese ouro adornará os nosos dedos, as nosas orellas, o borde dourado da nosa pluma... Están alí porque nós queremos ouro. Como si o necesitásemos.
A minería carroñeira desenvólvese principalmente en paises con estados debilitados e/ou lexislacións e administracións descoidadas en temas ambientais e sociais. Florecen en África e na América Latina. O Observatorio Latinoamericano de Conflictos Ambientais da conta de moitas destas actuacións das Minning Co., en Perú, Ecuador, Bolivia, Chile... Sempre son empresas norteamericanas e/ou europeas. Sempre hai conflicto coas poboacións locais. Sempre hai presións e ameazas. Paramilitares. Agresións aos líderes comunitarios. A administración mira para outro lado.
Pensen niso a próxima vez que paren diante do escaparate dunha xoiería.


This page is powered by Blogger. Isn't yours?