04 janeiro 2007
Editorial 5ª semana: sobrevivir ó rural

Ó fin vai ter razón o meu amigo o Destripador, e os lucenses imos rematar por cobrar unha pensión como exemplares en vía de extinción. A nosa segue a ser a primeira provincia en perda de habitantes. Supoño que non recibiremos unha medalla por iso. O goberno do PP chamara a unha choiva de ideas para frea-lo abandono rural. Vese que quedaran sen musa. Case me preocuparon máis unhas declaracións da actual conselleira de educación facendo contas do que custa manter un transporte público no rural, tan espellada que está a poboación, e abogando por políticas territoriais de concentración. Agardemos que non coa mesma maestría coa que deseñaron as concentracións parcelarias.
Claro, ós que nos gustaría vivir no rural, este tipo de historias tócannos as partes máis delicadas da moral. As intencións da administración de frear o despoboamento do noso territorio non van máis alá de meras declaracións (e polo visto non de todas). Parecen non darse conta de que o noso rural non só precisa dun freo ó abandono, senón tamén dunha auténtica recolonización. E as políticas territoriais, agrícolas, económicas e de vivenda, non contan entre as súas intencións, con facilitar este trámite. Poñamos un caso. Se eu vivo en Lugo cidade, e quero buscar unha casa no rural, digamos, de Castro de Rei, con toda probabilidade terei que renunciar ás axudas destinadas para o aceso dos menores de 35 anos á primeira vivenda. E non porque me pase de idade (aínda me quedan 5 primaveras) senón porque os que deseñaron tal plan de vivenda obviaron o feito de que no rural, as casas non só albergaban familias de bastantes máis de tres compoñentes, senón tamén animais, apeiros, etc., e os 120 metros cadrados que se fixa como límite para as axudas soe ser a medida do que foi o “cuarto grande”. Forte nas miñas conviccións e anceios, merco a casa renunciando a tan xugosa subvención. No derradeiro momento, o propietario decidíu unilateralmente subirlle o prezo, despois de que uns madrileños na procura de segunda vivenda (ou terceira, se contámo-lo chalé da serra) preguntaran por ela. O paisano di que non se desenvolve cos euros pero hai que ver cómo redondea á alza… Apenco. Agora terei que esquecerme tamén de parte das axudas de restauración, por non levar tantos anos vivindo no concello (¿cómo ía facelo, se acabo de merca-la casa?). Ben, xa vivo na casa. Deixarei por un tempo de escribir estas editoriais porque non teño aceso ó internete (prometen poñelo no próximo ano e con banda ancha, espero que tan ancha como a que se pon o alcalde nos días de gala). Pensaba montar unha pequena explotación agroecolóxica, pero o consello regulador está moi ocupado concedendo selos a productores de castañas amigos e o tema retrásase. Para ir tirando, quixen mercar unhas ovellas, pero estou en zona lobera e para cobrar indemnizacións en caso de ataque tería que fortificar a finca con aramios de espiños e torretas de vixiancia armada (case hai que contratar unha patrulla paramilitar), algo que non me poido permitir de momento debido á suba que me impuxo o propietario pola demanda existente de segundas vivendas no rural desde os estresados interiores españois. Así que descarto calquera intención bucólico-pastoril de vivir da terra e me gasto unha pasta en gasofa, aceite e rodas para seguir acudindo ó meu vello traballo (imaxínense que fora funcionario na consellería do medio rural), xa que o transporte público no rural é coma un biosbardo, que só existe para os pequenos.
O 2007 promete. En fin, se consigo sobrevivir até que chegue o internete, xa lles contarei cómo o fixen.