27 dezembro 2006

 

Editorial 4ª semana: nin nin


Fai uns meses publicaban un artigo en Le Monde Diplomatique (perdoade que non me lembre do autor, pero nunca presumín de memoria) que contiña a seguinte afirmación: o berro de “nin Bush nin Sadam”, en xeral os berros “nin nin”, son froito da manía aburguesada das sociedades occidentais de non comprometerse. Hai que mollarse e tomar partido, viña dicir o artigo.
Agora vimos de coñecer a ratificación da condea a Sadam a morrer na forca dentro de vintenove días. No 1982 ordeou asasinar a 148 chiíes. Cando os tres das Azores nos tentaban convencer da malignidade do réxime iraquí (¿lémbranse?) acusábano de colaboracionisno coa organización deportivo-cultural de Bin Laden. Na conta deste último debe haber máis mortos que na de Sadam, porque fixo pleno co das torres xemelgas (agora comezo a parecer unha desas revistas de cine nas que fan repaso dos mortos que acumulan os actores de acción, como o que goberna o estado de California). Supoño que si pillan a Bin, a forca de Sadam vaille parecer un xogo de pícaros.
Pero postos a facer balance dos xenocidas dispoñibles no mercado global, o mellor producto é, como non, ianki. Efectivamente, os diarios destacan hoxe a nova da loita contra o terrorismo internacional: xa morreron máis soldados iankis en Irak que xente no atentado do 11-S. Ós irakíes dudo nin que os den contado. Os 148 de Sadam caen agora en menos de 72 horas.
Calquera con algo de lóxica na cabeza pode facer contas. Se matas a taitantos de tal etnia dentro do teu país, xenocida. Se os matas sen avisar, en país propio ou no do veciño, terrorista. Se, pola contra, anuncias a diestro e siniestro que os vas mandar a que os maten a un país estranxeiro (coa idea, de paso, de que se levena algúns por diante antes de caer) na defensa das libertades (sobre todo as económicas) do occidente, presidente.
Buf. Permítanme que me arrime ó lema do “nin nin”. E non creo, como o articulista do Le Monde Diplomatique, que esa sexa unha actitude aséptica. Porque hai máis camiños para a humanidade que os que marcan os axentes do mercado. Hai que mollarse, sí, pero hoxe, que supero a barreira dos 30 anos, fago a miña aposta porque outro mundo sexa posible.

Comments: Postar um comentário



<< Home

This page is powered by Blogger. Isn't yours?