22 dezembro 2006
Editorial 3ª semana: a democracia, o opio do pobo

Un dos monstros das nosas democracias é a corrupción dos gobernos. Resulta complexo combatir este mal, pois o propio sistema representativo obriga ós cidadáns a confiar na integridade dos seus dirixentes políticos despois de darlles, prácticamente, carta branca durante catro anos. Como sabemos que en tódalas casas cocen fabas, que apareza aquel que resultou menos íntegro do que debería, é cuestión de tempo, e de intereses.
As democracias representativas, que tan vehementemente defende o occidente polo mundo como modelo ideal de goberno, non significan senón a perpetuación no poder daqueles que sempre o detentaron, agora alternando mediante o vaivén do voto político, no canto de facelo ó vello estilo, por ser vos quien sois.
Mentres o goberno toma o respaldo popular como un cheque en branco para facer o que mellor lle pareza a espaldas, moitas veces, dos que os puxeron no seu posto, a cidadanía permanece políticamente aletargada, coa mente anubada coma nun sopor opiáceo, asistindo atónita ás discusións delirantes dos que gobernan, mentres as necesidades e inquedanzas do pobo hibernan nos caixóns dos despachos.
Xa fai algúns anos que as experiencias de democracia participativa xestadas en paises empobrecidos tentan desembarcar nas rancias democracias do occidente. Chocan con importantes barreiras, como os intereses creados e a apatía política dunha cidadanía cada vez menos consciente da función social da actividade política. Antes das últimas eleccións galegas, nas que despois de 16 anos asistimos esperanzados a un cambio de orientación no goberno, un dirixente – hoxe conselleiro – do BNG expresaba nunha reunión coas asociacións lucenses que a cidadanía galega non estaba aínda preparada para iniciar o camiño da democracia participativa.
Polo visto non opina o conselleiro como aquel enigmático interlocutor do Che que, según este recolle nun dos seus diarios, cría firmemente que o pobo só madurará políticamente despois de detentar o poder e cometer os seus propios erros.
Ese é o proceso de maduración natural de calquera grupo ou persoa. Sen embargo, no noso “occidente”, condénasenos ós cidadáns a un infatilismo político que nos obriga a estar “titorizados” polos partidos de turno, que con descaro sen fronteiras se apropian da vontade popular.
Non se pode agardar que un goberno de tal ou cal tendencia (pois a tendencia máis clara de calquera partido político é a que leva ó poder) decida apostar pola participación cidadá nas decisións que lle corresponden; se a cidadanía quere marcar o seu propio rumbo non lle queda outra que poñerse en plan e esixir a capacidade de decisión que lexítimamente lle corresponde.
Claro que igual estamos demasiado ocupados consumindo como para preocuparnos da suciedade da nosa sociedade. Vai ser que, en compromiso social, merecemos que os reis nos traian carbón.
Bo nadal.